Num: 3021 | Lunes 27 de junio de 2022
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net
Opinión


17 de mayo de 2022

Festexemos ao poeta de Valdeorras, poeta das elásticas fronteiras


Este 2022 é un ano ceibo de fronteiras grazas ás Tanxugueiras, ano de canto e de baile, e o galego debe estar contento, é pois,  un bon ano para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, poeta ben alegre e festeiro. Somos conscientes da urxencia de poder realizar en terras bercianas unha celebración como a que enche Valdeorras hoxe. Iso non nos impide festexar este día grande como tamén noso, á vez de seguir reclamando á Academia  para o Bierzo un Día das Letras Galegas. Florencio agocha múltiples simetrías coa nosa comarca, a pesar de ser descoñecido de muitos. Propiciar a difusión deste autor civil é un dos obxectivos destas datas literarias sinaladas.

A pesar de ser do XX, coma o berciano Enrique Gil descobre en Castela a saudade pola terra patria e comezará a escribir:  Meu Córgomo de Valdeorras.  É un poeta ben próximo, veciño desta terra, nado en 1903 ás beiras do río Sil e o seu ouro, aos que cantou en galego oriental, como fixo mergullando no seu rico falar, o noso candidato para un futuro Día das Letras,  Fernández Morales. É logo cantor popular e do noso polo idioma que compartimos como irmaos bercianos e valdeorreses, pola lingua que se festexa. De noso é, da comarca irmá, parte daquela provincia soñada no XIX que reunía ao Bierzo e Valdeorras como resposta conxunta a un clamor e a ese mundo do poeta soñador que fixaba por guieiro a terra.

Os vales das viñas, as adegas e o viño son paisaxes que partillamos, que agroman unha e outra vez nos seus versos como as cireixas do vrau ou as castañas nos magostos ou como os botelos e outros sabores do inverno. Un léxico feraz e vivo do oriente do galego de elásticas fronteiras que chega ata a Cabreira para cantar a muliñeira e que sobe río arriba como noutrora as anguías polo Burbia e nunha especie de romaría conxunta de letras, cantos e bailes nas que casen Don Godello e Dona Mencía con Godello, e gusten das empanadas de anguías e marmallas.

Deulle a este mundo tan noso de retortos castañeiros, vida á paisaxe da mao da vangarda hilozoista: Namoros e candeas…   e a Santa Compaña dos Castiñeiros… Trobador e pobo, actualidade e tradición…

 

Confesa Florencio:  Compuxen estes meus poemas, poemiñas e poemoides, que son apaixonados e carraxentos por seren fillos de circunstancias carraxentas e apaixonadas; serán de acordo co xuízo do leitor xustos ou inxustos, mais sempre sinceros.

Efectivamente activista e militante de corazón das liberdades, da república e do antifranquismo participou entusiasta no Cancioneiro da loita galega. Pero estas circunstancias carraxentas fixeron de Florencio un home do exilio en México, animador como Ramón González-Alegre, este vilafranquino que vive no exilio interior e promotor de proxectos literarios de encontro.  Ambos atopáronse na revista Alba e foron editores e activistas literarios no galego agachado e esperanzado nun albor dun novo día como o que se plasmaba na revista Vieiros.

Foi Florencio, como é Mestre, un poeta inmenso, da memoria dos humildes e de combate polas libertades, retrato fiel dun reflexo gris e triste como o pasado a pesar de que nas cepeiras e nos bacelos maduran acios de estrelas.

Descobre finalmente aló en América a Galicia infinda, o seu libro máis plural e complexo:

 

Nosa Galicia é máis que toda a terra.

Galicia só limita coa Saudade,

Elástica fronteira

Que serve para o tempo e para o espacio

_ onde un galego está, atópase ela_,

Máis que ninguén atravesala pode

inda que leve nos papés: Poeta

 

Desde a morte de Franco soñou con volver a súa terra natal,  rescribe as Cantarenas con Valdeorras da que non pode desprenderse e na que arela descansar. Un ano antes de morrer sorprendeunos co seu derradeiro libro O soño do guieiro, unha sorte de diálogo coa súa propia obra e de testamento literario cheo de preocupaciois sociolingüísiticas críticas:

O crego da aldea

do inferno a berrar

pra meterlle medo

ao pobre aldeán

FALA CASTELÁN.

 

En Córgomo, ben perto do Bierzo, repousan desde o ano 1987 as súas cinzas e no Barco xa se anuncian eventos na honra deste poeta, acheguémonos bercianos a celebrar con Valdeorras ao seu poeta.

 

Héctor M. Silveiro,

membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega

Print Friendly, PDF & Email
FIJO NOTICIA DESKTOP
FIJO NOTICIA DESKTOP
RANDOM NOTICIA DESKTOP
EMPLEO ASTORGA
RANDOM NOTICIA DESKTOP
RANDOM NOTICIA DESKTOP
RANDOM NOTICIA DEKSTOP
RANDOM NOTICIA DESKTOP
la encuesta

¿Qué celebración consideras más conocida fuera de Astorga?

Cargando ... Cargando ...
PROGRAMACION TV
Programación TV
ADSENSE CUADRADO ASTORGA 01
VENTA FINCA

ROBAPAGINAS THEMONEYTIZER
© 2022 Actualidad Digital Ibérica. Todos los derechos reservados.